17 de decembro de 2015

DÚBIDAS LÉXICAS




Aquela mañá dun luns, o sono puido comigo. Mentres os meus compañeiros atendían a película que o profesor nos puxera, eu caín durmida. Tiven un soño que, non sei como, se correspondía coa película que pasaba no proxector da miña aula. Todo o pobo daquela vila de montaña amencía e desenvolvía todos os agasallos que, na noite anterior, os Reis Magos decidiron deixarlle. Marcos, fillo dun home que investira moito capital en cuestións absurdas, só recibiu unha carta na que se desculpaban por non deixarlle ningún agasallo aquel ano, pero o rapaz, ante a idea de ter unha carta escrita polos mesmísimos Reis de Oriente, mostrábase feliz. Á parte disto, para o neno era normal non recibir agasallos. Cando espertei, o profesor pediume que desenvolvese o argumento da película, e todos quedaron pampos de que soubese o que pasara e o profesor tampouco o podía crer. 

15 de decembro de 2015

ESCRITA DOS NÚMEROS



Santiago de Compostela, 6 de xuño 2015
Chámome Noa e teño dezanove anos. Este é o meu primeiro curso como estudante de medicina. A verdade, e que non foi doado acceder a esta carreira: a nota media era de 12.11 na selectividade. Pero agora que logrei acceder a ela, encántame! Comparto piso con Sara, unha rapaza de vinte e dous anos que tamén estuda esta carreira. Na miña clase somos 123 alumnos, a maioría moi ilusionados por cumprir o noso soño de chegar a ser doutores. Eu sento na 2ª fila, entre Carlos e Rosa, dous dos meus mellores amigos que teño aquí.
Nesta cidade, os xoves pola noite son un ritual que non pode faltar. A semana pasada fomos ao III aniversario dunha sala de festas, onde tocaba unha banda bastante boa da cidade.
Definitivamente, este primeiro ano como universitaria está sendo inesquecible!

MAIÚSCULAS E MINÚSCULAS



Dende nena, Bea gozaba nas clases de Bioloxía, e para ela estudar esa materia, máis que unha obriga, era un pasatempo. Ademais sempre andaba a enredar nun xogo que consistía en colocar planetas. O seu favorito era a gran bola vermella, Marte. O tempo pasa, e a idea de converterse nunha directora dunha misión especial da NASA pasou a ser o seu maior soño, e aparecer nos libros de texto como Sra. López o seu obxectivo. E poder viaxar a Marte, para logo escribir Historia da gran bola vermella. Por iso, cando leu en La Región que pretendían implantar Enxeñería Aeroespacial na súa cidade comezou a pensar que o seu soño se podía cumprir.

14 de decembro de 2015

BAILANDO CON SOMBRAS

Decembro, 1937. Carme, dez anos, unha infancia na que só existiu a pobreza. Era unha nena feliz, aínda que nas súas lembranzas só existían, mortes, sangue e medo.
         Unha noite fría e escura decide saír ver aquel espectáculo celestial, no que as estrelas xogaban no ceo, libres. Vaise afastando da casa inmersa na penumbra, inmersa na inocencia. As casas, silenciosas, amosaban a tranquilidade dunha aldea que durmía e agardaba un novo día sen saber que pasaría cando o sol volvese a brillar baixo as nubes.
         Quizais foi a súa inocencia a que levou á pobre nena ao camiño que ninguén se decidía a percorrer. Ou quizais foron as súas ganas de fuxir da rutina. Fose como fose, o camiño rematou no mesmo punto no que Carme abandonou a nenez.
         Na porta do cemiterio puido observar un grupo de homes que semellaban conter na súa alma ao demo. Cando a rapaza levantou a vista, puido ver como das árbores colgaban sombras, ou iso semellaba. Alguén berraba, berraba moito. E de súpeto, os berros rematan, e o silencio so é interrompido pola conversa dos discípulos do demo. E unha nova sombra colga doutra árbore.

         Carme crece, pero a nena que antes semellaba ser feliz, agora é unha velliña que, dende aquela noite, baila no mundo dos mortos.

14 de outubro de 2015

ASÍ SON EU: COMO ME VEN?



“Uxía é una rapaza responsable, tolerante, sincera e amiga dos seus amigos. Non lle gustan as inxusticias nin falar da xente ás costas. Tende a obsesionarse con calquera cousa, como cos estudos, ámbito no que se esforza moito para sacar as mellores cualificacións posibles. A súa máxima obsesión é Nerja e todo o que teña que ver con esta vila da Costa do Sol. Gústalle moito a bioloxía e a medicina, e espera poder chegar a dedicarse a calquera das dúas, aínda que preferiría ser doutora. Gústalle moito ler, debuxar, pintar, viaxar e coñecer novos lugares para fotografalos. É divertida, e para min coma unha irmá.”                                                                  
(Estela, 16 anos, amiga)


“A miña filla é unha persoa moi responsable, tolerante e unha gran amiga. No ámbito doméstico é unha persoa caótica. Prefire estudar ou realizar tarefas para o instituto antes que colaborar na casa. Gústalle estudar e aprender novas cousas. Goza escoitando música, lendo, debuxando, sacando fotos… No seu tempo libre gústalle ver a televisión, sobre todo Hospital Central. Encántalle nadar e mergullarse, sobre todo no mar, xa que goza vendo peixes e outras especies mariñas; por esta razón, Nerja é máis que unha vila para ela.”                                                                                                                              
(Conchi, 41 anos, nai)

1 de outubro de 2015

ASÍ SON EU

GÚSTAME
O mar, os peixes, os golfiños, nadar, Nerja e os seus amenceres, as postas de sol no outono, a neve no inverno, as flores na primavera, a natureza, pasear polo campo, a fotografía, as lembranzas, a literatura, ler Albert Espinosa, as películas Disney, as tardes de choiva cunha manta e Hospital Central, a medicina, a bioloxía, a cor verde, as gomas de mascar, o arroz con leite da miña avoa, as castañas asadas, os amorodos, a ilusión dos nenos no Nadal, soñar, debuxar, xogar co meu irmán, pasar as tardes cos meus avós, a música, Pink Floyd, viaxar, París e todos os seus recunchos, os nenúfares de Monet, voar en avión, a liberdade, que me fagan rir, falar de todo e de nada…

NON ME GUSTA:
Que me mintan, as inxustizas, o maltrato aos desfavorecidos, os touros, a violencia, o machismo, o fútbol, o puré de verduras, estar enferma, ir ao médico, que me controlen, que me rifen, os exames, os luns e os domingos, que se rían de min, que se burlen da xente, que non me escoiten, que me toquen o pelo, que me interrompan, cantar e bailar en público, esperar quenda, deitarme cedo, que falen de min en público, as despedidas, os insultos, a soidade…